jueves, 8 de octubre de 2015

O TRABALLO EN REDE E A ORIENTACIÓN LABORAL

Para a tarefa de dinamización de Google+ esta semana tiven que ler moitos artigos e novas pero entre todas elas sobre todo houbo unha que me chamou especialmente a atención, o titular era: A xente non estuda as carreiras que demanda o mercado.

Tratábase dunha entrevista a Julio Contreras, Vicerrector de estudantes da Universidade Complutense de Madrid. Segundo Julio a demanda de titulados universitarios en ciencias, tecnoloxía, inxeniería e matemáticas crecería en Europa un 14% ata 2020, segundo un estudio do Centro Europeo para o Desenvolvemento da Vocación Profesional. Pero que en España non acontecía o mesmo, que só 13 de cada 1.000 alumnos completaban os seus estudios nestes campos, segundo datos de Euroestat. Tamén facía fincapé en que  precisabamos mellorar a orientación ós estudantes. 

Entón lembreime que cando estaba estudando a diplomatura de Educación Social fixen o meu primeiro proxecto como exame para a materia de Animación Sociocultural, tratábase dun proxecto de orientación para a carreira para estudantes, onde programaba diversas actividades. Unha delas era que xoves universitarios falarán cos rapaces, era un proxecto para un concello. Daquela pensaba que apenas tiñamos orientación para poder enfocar a nosa formación e futuro traballo, pero agora parece que dita necesidade continua igualmente vixente.

Todo isto lévame a necesidade de que os orientadores podan traballar en rede dentro do territorio que teñan delimitado. 






Neste curso unha das competencias do/a Orientador/a laboral que se explicitan no tema 6 (A orientación laboral e as competencias) é o traballo cooperativo e procura de ligazóns. Nesta dimensión recóllese ter relacións con traballadores sociais e outro tipo de profesionais, traballar en grupo con outros profesionais etc. 

Todo isto conleva o traballo en rede dende un enfoque comunitario. Trátase dun traballo sistemático de colaboración e complementariedade entre os recursos locais dun ámbito territorial. Vai máis alá da coordinación, trátase de colaborar de forma estable e sistemática. Nas entornas locais podemos encontrar diversos servizos públicos como son: as institucións educativas (colexios, institutos, universidades etc), servizos sociais, asociacións, centros de saúde, bibliotecas, oficinas de emprego, entidades de desenvolvemento local etc. Entre todas estas institucións que conforman a comunidade deben establecerse relacións en rede, que dadas as ferramentas TIC coas que contamos actualmente cada vez e máis fácil e plausible.

No Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego, a orientación laboral é un dereito dos cidadáns. Pero a orientación non se pode limitar a unha oficina de emprego, os orientadores precisan saír a comunidade na que se desenvolven como profesionais.

Na lei do 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recóllese a colaboración e os criterios de coordinación entre o Sistema Galego de Servizos Sociais e o Sistema público de emprego de Galicia. Os itinerarios de inserción laboral son o marco de estímulo e promoción do emprego con colectivos de difícil inserción que se desenvolven dende a Administración laboral galega. 

Durante este curso, tamén me resultou moi interesante escoitar a perspectiva que teñen as compañeiras que están traballando en empresas privadas sobre os servizos de emprego públicos así como a súa disposición a traballar con eles, sobre todo porque contratar a través dunha empresa supón un custo alto.

Creo que o traballo en rede dende o enfoque comunitario é imprescindible para aproveitar os recursos que temos, compartindo ferramentas e coñecementos provocando sinerxías e evitando duplicidades. As ferramentas TIC poden facilitar a colaboración entre entidades e profesionais, xa que as veces é difícil establecer relación entre distintas institucións.

A cidadanía ten dereito a unha orientación laboral de calidade, e agora máis que nunca é necesaria sobre todo para aqueles sectores que están en situación de desigualdade social. A orientación laboral e un dereito que posibilita a igualdade de oportunidades, nada hai mais integrador que o acceso a un posto de traballo digno. A orientación precisámola case toda a vida dende a escola para decidir cal vai ser a nosa formación para o noso futuro profesional como ó longo da nosa carreira, pois os traballos cada vez precisán máis reciclaxe e actualización. Imos precisar formación e orientación ó longo de toda a nosa vida.

Para rematar quero darlle as grazas ó grupo DoceOrientación por invitarme a colaborar no seu blog.









BIBLIOGRAFÍA:

Ballester, LL., Orte, C. e March, M.X. (outubro 2004).Metdología para el trabajo socioeducativo en red. Comunicaciones IV Congreso Estatal de Educación Social. Recuperado de: http://www.eduso.net/archivos/IVcongreso/comunicaciones/c65.pdf

Deus Trasobares, Mª.T. (2015)Tema 6: A orientación laboral e as competencias. Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.

LEY 10/2013, de 27 de noviembre, de inclusión social de Galicia.

Real Decreto 7/2015, de 16 de enero, por el que se aprueba la Cartera Común de Servicios del Sistema Nacional de Empleo.


Artigo:

Torres Menaárguez, A.  6 de julio 2015). A xente non estuda as carreiras que demanda o mercado. El País. Recuperado de:
http://economia.elpais.com/economia/2015/07/03/actualidad/1435948447_517179.html


1 comentario: